Pintxos em Bermeo

calendario setembro 19th, 2009

De visita por Euskal Herria, o primeiro que há que provar som os pintxos, que por algo tenhem fama. Há em quase todos os bares, cafetarias, tascas e qualquer estabelecemento hostaleiro, incluso em franquias estatais. Porque se nom há pintxo, nom há clientes. Persoalmente, é algo que boto em falha por estes lares. O facto de almorçar um café e um pintxo é um auténtico placer, e seguro que muito mais saudável que meter boleria industrial no corpo.

Como com tudo, há categorias. E de bar em bar a qualidade dos pintxos cámbiam como pode cambiar a música. Em geral, e sem ser sítios especialiçados, que também os há, sempre podes atopar os típicos pintxos de tortilha (também rechea de jamom e queijo ou vegetais), de txaka (surimi com maionese) ou sandes e bocadinhos variados. Ao meu ver, em geral abusam um tanto da maionese, e sempre tenho o problema de que a maioria deles levam pementos ou anchovas, cousas das que nom gosto. É por isso que quando atopo um local cumhas cousinhas algo variadas, percuro provar. E desta volta ocorreu-me em Bermeo.

De entre os bares que havia parei no bar Olatu, onde provei dous pintxos: um de crêpe rechea de bonito (em Bermeo nom podia ser outra cousa) e outro de anchovas recheas, também de bonito. O das anchovas lembrou-me ás xoubas esparradas que fazia minha avó, so que ela as fazia com cebola no sítio do bonito. E suponho que terá que ver que ela era de zona de mar. A relaçom entre A Galiza e Bermeo é bem conhezida por todos e suponho que o intercámbio de receitas seria habitual. Este bonito de recheo estava preparado com salsa de tomate. E estava de vício. Um local altamente recomendável.

O outro que aparece na foto era um pemento de Gernika recheo de jamom e queijo e empanado, eu nom o provei, mas quem o fijo deu-lhe o visto bom. De preços, nom lembro nem apontei, mas adoitam andar entre 1 e 1,5 € cada um.

Kafe-Bar Olatu, Portu Zarra, Bermeo

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: chimpin

Sen fame

EU DENÚNCIO

calendario xullo 20th, 2009

Situemo-nos. Domingo de verám, dia de praia. Adoito jantar na pria muitas das vezes que vou. E essa era a intençom desta volta. E foi por essa razom que fum á praia que nos ocupa, Area da Secada, na Arousa. Por que esta e nom outra? Pois porque eu estava na Ilha, e porque á beira da praia há um chiringo desses nos que ponhem jantares, bocatas e tenhem bebidas frias. E como ia passar o dia e nom estava na minha casa nom podia levar o jantar feito. Assim foi que, pola manhá (nom cedo) passei á beira do chiringo em questom e vim umha piçarra na que ponhia que faziam jantares por encargo e bocatas, sem muita variedade, mas bem me valiam.

Total, que dalí a um par de horas fum mercar um par de bocatas e pugem-me á cola, já que havia mais gente na mesma situaçom. E qual foi a minha surpresa quando escoito dizer a umha moça que atendia o local que nom havia bocatas até mais tarde. Quanto é mais tarde? perguntei eu. E obtivem umha encolhida de ombros por resposta. Semelhava que nom lhes quedara pam ou algo assim, ou isso davam a entender.

Busquei polas imediaçons umha alternaiva que nom atopei, polo que decidim colher o carro e ir á vila, mas como tinha que passar outra vez por alí parei fazer a derradeira tentativa. Para provar sorte perguntei-lhe a umha camareira diferente. A resposta foi similar. Nom há bocatas. Mas o engadido foi diferente. Nom há bocatas porque estamos com os jantares e até que remate de vir gente a jantar de prato nom fazemos bocatas. Diga-se: nom fazemos bocatas porque nom nos sai dos mesmíssimos. De novo sem hora concreta.

E aí começou o meu mosqueo. Se me dim que por umha má previssom quedarom sem pam, ou tenhem mui pouco e querem reserva-lo para os jantares de prato, entenderia-o. Mas nom era o caso. Nom faziam os bocatas porque nom queriam, discriminando assim aos clientes que queriamos bocatas, e que fomos muitos (na meia hora que passou logo desa resposta contaria mais de vinte persoas que marcharom sem o bocata que queriam). Se na piçarra pugeram que os bocatas só se fariam loga da quatro da tarde, tampouco me molestaria (teria-o visto á manhá e já nom iria até as quatro). Ou incluso nom me molestaria se da primeira volta que fum me digeram que nom faziam bocatas até as quatro. Ou as cinco, tanto me tem. Mas nom, nem horas nem um motivo válido mas que o de nom che sirvo um produto que tenho na carta porque nom quero.

Aguardei mais de meia hora (plantado alí de pé para meter pressom) e quando faltavam dez minutos para solicitar-lhes umha folha de reclamaçons, chegarom outras duas senhoras perguntando se lhes faziam dous bocatas de lombo (perguntarom a umha senhora diferente ás duas que perguntei eu) e respostou-lhes que nom faziam bocatas de prancha (vaia! primeira nova! nim a mim nim a ninguém dos que foram até esse momento nos perguntarom de que queriamos o bocata!). Logo de explicar que pensavam que era lombo embuchado e que lhes valia de qualquer coisa, a senhora do chiringo foi fazer-lhes os bocatas, de tortilha, momento que aproveitei para pedir os meus, que me figerom também.

Suponho que será denunciável, nom o sei exactamente, mas o que sim me pareceu foi de mui mal gosto e mui mala educaçom.

Podia ter ido a outra praia. Podia ter mercado o jantar antes de ir. Podia ter feito muitas coisas, mas fum alí porque sabia que havia um serviço, serviço que nom me ofertarom quando diziam que sim. Impressentáveis.

Total. O chiringo da praia de Area da Secada da ilha da Arousa discrimina aos que tomamos bocatas. Pola minha parte nom volto.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: chimpin

2 na cociña

Bolo prenhado na Música na noite de Solháns

calendario xullo 6th, 2009

A passada fim de semana celebrou-se em Solhans (parróquia de Calo no concelho de Teo) o XII Música na noite. Já o ano passado tivem a oportunidade de ir e provar os estupendos bolos prenhados que serviam, mas com a emoçom nom lembrei para nada do Capítulo Cerdo e comim-o antes de poder tomar notas para adicar-lhe umha entrada. Assim que este ano voltei com o único objecto de fazer esta entrada (e passar umha noite de música, também).

Bolo prenhado no Músicas na noite de Solháns

Sei que a foto nom é mui boa. A pessar de ir a tiro fixo, nom levei a câmara e tivem que tirar a foto com o móbil difuminando o flash cun cacho de gardanapos para nom queimar as cores. E saiu isso.

Mas bem, imos ao choio. Para quem nom saiba (e pode haver gente que nom saiba, é bastante normal) um bolo prenhado é um bolo de pam normal e corrente, só que leva dentro um chouriço. Mas nom é um bocata de chouriço, nom. O chouriço mete-se dentro da masa antes de entrar no forno, e umha vez cozido tuda a graxa que solta é absorbida polo pam, ficando um chouriço jugoso e um pam pringoso.

Este bolo em concreto (bem, estes, que comim dous), estava estupendo. O dito, jugoso, saboroso, mas faltou-lhe um pouco de temperatura. Nom sei se é que cheguei algo tarde, mas já estava algo frio. Nesse aspéito o do ano passado estava melhor.

O próximo ano é de aguardar que voltaremos comprobar se mantem a qualidade.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: chimpin

1 comendo

Santiago (é)Patas

calendario xuño 29th, 2009

Santiago (é)Patas
Próximamente en Capítulo Cerdo...

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: ifrit

Sen fame

Menú do día no Momos

calendario xuño 23rd, 2009

Despois dunha de cal e outra de cal, levo varias semanas indo a un sitio moi especial da Coruña chamado o Momos, situado a un par de rúas do Paraninfo.

Se ben ao entrar xa sorprende por ser un local recollidiño e en pedra, imposibilitado para poñer sequera unha cadeira a maiores (o que a cotío pode supoñer ter que agardar uns minutos para sentar, se ben se permiten as reservas), a verdadeira sorpresa chega ao sentar. A camareira preguntarache cal dos dez ou once primeiros pratos che apetece, logo cal dos dez ou once segundos, logo a bebida, logo o postre ou o café; E se ben xa te podes emocionar con só imaxinarte podendo escoller entre tanta variedade e calidade, na realidade frustarate non lembrar nin a metade dos nomes dos pratos cando a camareira remate de recitar o soneto gastronómico que son a listaxe dos primeiros e segundos pratos.

Primeiros

Dase por feito que o primeiro prato é o lixeiro, o de asentar o estómago, pero ata nisto poderás escoller: Gambas en salsa rosa, caldo galego, ensalada de remolacha, boqueróns en vinagre, melón con xamón, espárragos trigueiros con idem, pasta de varios tipos, pementos do piquillo recheos de setas, un inenarrábel etcétera que varía cada día e unha fórmula case sempre presente que nunca falla: O chollo.

19062009

O chollo viría a ser, en resumo, unha empanada ou sandwich de filloa rechea con moitos produtos de horta, embutido e atún, cuberto con maionesa. O resultado é certamente espectacular, delicioso, refrescante, e coa porción na xusta medida para que o des rematado antes de empalagarte -polo menos no meu caso-. A non perder, iso desde logo, sen desmerecer nin moito menos as moitas outras posibilidades.

Segundos

Entre os pratos -digamos- fortes, tampouco a casa se queda curta en posibilidades, e tamén terás que pedirlle que che repita algún. Como vos digo a lista é variábel -e adaptada a circunstancias coma a do clima-, pero teño elixido desde tenreira con castañas, ata filetes ou entrecot con patacas, pasando por peixe -do bo-, lacón con grelos e moito máis, cunha presentación tradicional e efectiva e un sabor que desvela moita calidade, arte e experiencia detrás de cada prato. Na imaxe, un filete con ovos e patacas.

08062009002

Postres e café

Se algo se podería achacar á casa é que a variedade de postres é discreta, consistindo habitualmente en xelado ou flan de tarrina de marca branca, co que parece máis ben orientado a cubrir expediente que a coroar no padal a excelencia que a casa reivindica en cada proposta gastronómica. Se pides postre e máis café, o prezo do café súmase ao do menú do día.

Bebidas

Habitualmente pido refresco, pero ata onde sei o feito de pedir auga -galega e de litro-, caña, refrescos -de bote- ou copa de viño non inflúe no prezo total do menú, excentricidades aparte.

Prezo do menú do día

9 euros. Si, no-ve, ese que está entre o oito e o dez. Sobra ningún comentario engadido.

Conclusión

Só me cabe poñerlle un 9 a este local, e paréceme demasiada inxustiza restarlle un punto polo discreto do postre e o feito de ter que agardar, que tampouco é que me tivera pasado moi a muido á hora que eu adoito chegar.

O Momos non é un menú do día calquera. É un estoupido de cociña post-tradicional catalizado por produtos nacionais a un prezo tan razoábel que a clase social das garavatas e a dos buzos lixados lle dan o seu visto e prace unánime: De feito nunca sabes se che vai tocar sentar na mesa a carón dun grupo de estudantes planificando a tarde, dunhas mozas das que quitan o alento falando de alta costura, da xerencia dunha empresa pechando un bo negocio ou dunha cuadrilla de obreiros que apuran o café para volver o andamio.

E isto, por riba de todo, é o que converte a un local excelente en máxico.

Ubicación

Aínda que tiña certos receos, finalmente vouna compartir ;-)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: maceirax

Sen fame

Hamburguesa completa no Tris

calendario xuño 12th, 2009

O da comida rápida, na maioria dos sítios, é umha falácia. Quitando os sitios como as franquias americanas, onde tenhem un sistema mui impersoal de trato ao cliente, nos estavelecementos onde se servem bocatas ou hamburguesas a velocidade é relativa. Muitas vezes falta organizaçom no local, o que faz que umha persoa tenha que aguardar dez minutos desde que chega até que lhe tomam nota, ou máis dum quarto de hora a que façam umha hamburguesa. E isso pode sumar mais de média hora aguardando. Isso nom é comida rápida. Mas se andas por Ponte-vedra e tes pouco tempo para comer podes, sem medo, ir ao Tris. Está num pátio interior dum edifício e tem umha terraça mui cómoda (eu fum um dia de sol).

Pois bem, nada mais sentar já che traem a carta. A carta trae instruçons, e abofé que há que ler-as. As normas som cousas como que se pom um prato por pedido, ou que se queres um bocata cortado pola metade tes que solicitar um coitelo, ou que se paga na barra. Nom lembro mui bem agora, mas há que ler-as, sim.

E imos ao choio. Pedim umha hamburguesa mexicana, que levava a carne, queijo, leituga, tomate e cebola, amais da salsa mexicana. Tardou menos de cinco minutos (dez em total desde que cheguei, tendo em conta que botei cinco máis pensando que comer). Um bom tamanho (uns 15 cm de diámetro) e um sabor picante, mas sem abusar. O pam, bem, pam de hamburguesa mas semelhaba de panadaria.Case me encheu, mas esquezim tirar a foto. Assim que tivem que pedir outra.

Hamburguesa completa do Tris, Ponte-Vedra

E pedim umha hamburguesa completa, como a anterior mas sem salsa. Mui boa, e soubo-me mais que a mexicana, pola falta se salsa picante e porque a carne era saborosa. Os meus acompanhantes probarom a hamburguesa ao curri, e também lhes parezeu boa. Por certo, também tenhem bocatas com vários pans. Boa nota para o Tris.

Hamburguesa completa do Tris, Ponte-Vedra

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: chimpin

Sen fame

Bocata de cogomelos com queijo

calendario maio 25th, 2009

Baocata de cogomelos com queijo

A de Morgan (nome com o que se lhe conheze) ou O Xa Chegou (nome ofizial) é umha taberna de compostela cumha grande tradiçom bocateira e de raçons onde começar as noites. Descrever o lugar nom é doado dada a sua peculiaridade que, principalmente, consiste em ser um local de-toda-a-vida. Tudo de madeira, com cozinha quase á vista e um cheiro a zorza que impregna á roupa para toda a noite. Ainda que por vezes isso é mui molesto, eu agradeço de quando em vez estar num local desse tipo.

A consumiçom escolhida para a ocasiom foi umha das especialidades da casa (junto com o bocata de zorza), o bocata de cogomelos com queijo. Havia bem de tempo que nom ia por alí, e igual já tinha idealiçado o bocata, ou pode ser que coas festas andavam mui leados, mas o resultado nom foi o aguardado.

Ainda estando por riba da meia dos bocatas que se podem tomar em Compostela, e tendo em conta que os cogomelos estavam bem preparados (eu nom gosto deles, mas figem o esforço de probar-os pola comunidade), o pam estava frio (suponho que seria descongelado, cousa que em princípio nom me importa, mas notava-se frio por dentro) e o queijo, que em tempos era queijo do pais, era queijo de barra tipo sande de Larsa ou algo assim. E isso é um baixom comparado com o que aguardava. Repito que, ainda com todo, o bocata estava estupendo, o pam ainda que frio era pam de verdade e o queijo, ainda que nom era pais, é o mais semelhante que podes atopar num bocata (algum haverá melhor, mas nom é o habitual). Haberá que probar noutra ocasiom a ver se foi umha cousa passageira ou perderom algo de qualidade. Quero pensar que foi a primeira.

Nota: as fotos nom lhe fam justiça.

Bocata de cogomelos com queijo

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Gardado en: Sen clasificar

por: chimpin

2 na cociña

Ravioli con prebe italián

calendario maio 9th, 2009

Ravioli con prebe italián

Non vos deixedes enganar pola imaxe de baixa calidade tirada co meu móbil. eses raviolis eran tan amarelos coma o arroz dunha paella! E o prebe era realmente vermello!

Mais pese á artificialidade da apariencia do prato o saber era bastante bo e a cantidade xenerosa. O prebe italián do Galeón leva champiñóns e tomate e  os raviolis, pois non sei de que estaban recheos, nunca consigo acertar, mais tiñan un lixeiro sabor a allo que lle daba o toque perfecto.

En definitiva, sair do prato combinado, bocadillo, hamburguesa do Galeón deu bo resultado e unha grata sorpresa. Unha mágoa que só teñan dous prebes para acompañar a pasta: o xa citado prebe italián e o prebe boloñés (con carne picada).

Seguiremos investigando na carta do Galeón arriscando a nosa saúde mais non o noso peto.

  • Ravioli con prebe italián (champiñóns e tomate)
  • Prezo: 4'30 €
  • El Galeón do Toural, Cantóns do Toural, Santiago de Compostela
  • Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Gardado en: Sen clasificar

    por: ifrit

    Sen fame

    Bocadillo de calamares en Soria

    calendario maio 8th, 2009

    Bocadillo de calamares en Soria

    Seino. Deberíao ter pensado no momento. A quen se lle ocorre mercar un bocadillo de ca-la-ma-res en Soria!? Mais daquela pareceume unha boa idea.

    Recapitulemos. Viaxo de Logroño a Madrid en bus e paramos dez minutos na estación de autobuses de Soria. Prevendo que na T4 non vou ter tempo de mercar nin comer nada pido na cafetaría un bocadillo de calamares. Podería ter sido de chourizo, queixo, lombo ou calquera outra cousa, mais eu pedín calamares. Erro.

    Si, señores e señoras, comín un dos peores bocadillos de calamares que podedes atopar: pan industrial 'chicloso' e uns calamares da peor marca de conxelados do Lidl. O mellor de todo debía ser o papel de plata. Tampouco é que souberan mal, mais calquera parecido con calquer outro bocadillo de calamares que probarades con anterioridade era algo máis que unha casualidade.

    Espero que isto, como todas as entradas deste bló, lle sirvan a alguén para non caer no mesmo erro.

  • Bocadillo de calamares
  • Prezo: 4'20 €
  • Cafetaría da Estación de Autobuses de Soria
  • Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Gardado en: Sen clasificar

    por: ifrit

    Sen fame

    O Mesón Galego, Vigo

    calendario abril 12th, 2009

    Hai un tipo de establecemento típico que cumpre unha dobre funcionalidade. Por unha banda son o sitio onde comen os operarios a diario, con menús do día asequibeis e por outra banda son os sitios nos que os turistas poden probar as especialidades da terra sen sentirse roubado. (Teñen unha terceira función, que é ter cocido e/ou callos para levar unha vez á semana, mais iso non vén agora ó caso).

    O Mesón Galego en Vigo é un destes sitios. Nada de decoración ostentosa, mesas, cadeiras e loza das de toda a vida, a televisión a todo trapo (primeiro disfrutamos de Escenas de matrimonio e logo de El Patriota) e un camareiro pachorrento coma el só (Nicole deulle o título de Camareiro máis lento do ano).

    Menú:

    Media ración de salpicón de marisco. Un clásico. Ben saboroso e xeneroso en cebola.


    Ración de pementos de Padrón e media ración de polbo. Os pementos ben sabemos que non eran de Padrón, que estivemos alí o domingo pasado e non había nin un só, mais estaban ricos e algún ata picaba. O polbo rico rico, no seu punto.


    Media ración de chipiróns. Se están ben feitos non hai nada que dicir.


    Ensalada sinxela. Nicole é adicta a ensalada en todas as súas formas, así que non pode faltar.

    En definitiva, O Mesón Galego é un local cun menú clásico sen nada especial, mais tampouco velenoso. Non especialmente recomendábel por nada, mais que pode estar ben nun momento que necesites cumprir o expediente.

  • Media ración de salpicón de marisco, ensalada, ración de pementos de Padrón, media ración de chipiróns, media ración de polbo, dous ribeiros, unha caña e dous cestos de pan.
  • Prezo: Media ración de salpicón de marisco (4'80€), ensalada (3'60€), ración de pementos de Padrón (4'50), media ración de chipiróns (4'80€), media ración de polbo (5'90€), dous ribeiros (3'00€), unha Estrella Galicia (2'00€) e dous cestos de pan (1'20€) = 29'80 €
  • Bar Restaurante O Mesón Galego, Rúa Laxe, Vigo
  • Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

    Gardado en: Sen clasificar

    por: ifrit

    1 comendo