Despois dunha de cal e outra de cal, levo varias semanas indo a un sitio moi especial da Coruña chamado o Momos, situado a un par de rúas do Paraninfo.

Se ben ao entrar xa sorprende por ser un local recollidiño e en pedra, imposibilitado para poñer sequera unha cadeira a maiores (o que a cotío pode supoñer ter que agardar uns minutos para sentar, se ben se permiten as reservas), a verdadeira sorpresa chega ao sentar. A camareira preguntarache cal dos dez ou once primeiros pratos che apetece, logo cal dos dez ou once segundos, logo a bebida, logo o postre ou o café; E se ben xa te podes emocionar con só imaxinarte podendo escoller entre tanta variedade e calidade, na realidade frustarate non lembrar nin a metade dos nomes dos pratos cando a camareira remate de recitar o soneto gastronómico que son a listaxe dos primeiros e segundos pratos.

Primeiros

Dase por feito que o primeiro prato é o lixeiro, o de asentar o estómago, pero ata nisto poderás escoller: Gambas en salsa rosa, caldo galego, ensalada de remolacha, boqueróns en vinagre, melón con xamón, espárragos trigueiros con idem, pasta de varios tipos, pementos do piquillo recheos de setas, un inenarrábel etcétera que varía cada día e unha fórmula case sempre presente que nunca falla: O chollo.

19062009

O chollo viría a ser, en resumo, unha empanada ou sandwich de filloa rechea con moitos produtos de horta, embutido e atún, cuberto con maionesa. O resultado é certamente espectacular, delicioso, refrescante, e coa porción na xusta medida para que o des rematado antes de empalagarte -polo menos no meu caso-. A non perder, iso desde logo, sen desmerecer nin moito menos as moitas outras posibilidades.

Segundos

Entre os pratos -digamos- fortes, tampouco a casa se queda curta en posibilidades, e tamén terás que pedirlle que che repita algún. Como vos digo a lista é variábel -e adaptada a circunstancias coma a do clima-, pero teño elixido desde tenreira con castañas, ata filetes ou entrecot con patacas, pasando por peixe -do bo-, lacón con grelos e moito máis, cunha presentación tradicional e efectiva e un sabor que desvela moita calidade, arte e experiencia detrás de cada prato. Na imaxe, un filete con ovos e patacas.

08062009002

Postres e café

Se algo se podería achacar á casa é que a variedade de postres é discreta, consistindo habitualmente en xelado ou flan de tarrina de marca branca, co que parece máis ben orientado a cubrir expediente que a coroar no padal a excelencia que a casa reivindica en cada proposta gastronómica. Se pides postre e máis café, o prezo do café súmase ao do menú do día.

Bebidas

Habitualmente pido refresco, pero ata onde sei o feito de pedir auga -galega e de litro-, caña, refrescos -de bote- ou copa de viño non inflúe no prezo total do menú, excentricidades aparte.

Prezo do menú do día

9 euros. Si, no-ve, ese que está entre o oito e o dez. Sobra ningún comentario engadido.

Conclusión

Só me cabe poñerlle un 9 a este local, e paréceme demasiada inxustiza restarlle un punto polo discreto do postre e o feito de ter que agardar, que tampouco é que me tivera pasado moi a muido á hora que eu adoito chegar.

O Momos non é un menú do día calquera. É un estoupido de cociña post-tradicional catalizado por produtos nacionais a un prezo tan razoábel que a clase social das garavatas e a dos buzos lixados lle dan o seu visto e prace unánime: De feito nunca sabes se che vai tocar sentar na mesa a carón dun grupo de estudantes planificando a tarde, dunhas mozas das que quitan o alento falando de alta costura, da xerencia dunha empresa pechando un bo negocio ou dunha cuadrilla de obreiros que apuran o café para volver o andamio.

E isto, por riba de todo, é o que converte a un local excelente en máxico.

Ubicación

Aínda que tiña certos receos, finalmente vouna compartir 😉