Sinto muito ter que facer isto, e moito máis que esta sexa a miña primeira colaboración con Capítulo Cerdo 🙁

CAPÍTULO CERDÚN

Teño por costume, cando coinciden o feito de estar eu só e ter tempo, parar a xantar nalgún dos restaurantes exóticos da cidade onde me aloxe. O motivo, descubrir posíbeis xoias da gastronomía mundial entre tanta franquicia e, por suposto, non fracasar estrepitosamente no caso de levar a algunha mociña ao restaurante superespecial de turno sen antes coñecelo eu.

Así dei nas páxinas amarelas co Restaurante Tamarindo, un mexicano coruñés situado na rúa Eduardo Pondal, na primeira transversal saíndo desde a Praza de Portugal bordeando Riazor.

Primeira cuestión, chungo aparcar na zona, adoita estar petado. Logo dunhas complexas xestións automobilísticas que me levaron acabar nunha das traveseiras de Juan Flórez, entro no sitio, que me sorprende pola súa decoración, nin traza de franquicia. Ben.

O local está baleiro. Debe ser que é sábado á 13:00h, a xente saiu onte e tal… debería dar grazas por que estes abriran, pensei.  Sento onde me peta atendendo a ordes da casa e tráenme a carta.

Máis ou menos o agardado: Mil cousas con frijoles, chiles, guacamole, jalapeños… burritos, nachos, tacos, quesadillas… facíaseme a boca auga ata que oscilei a vista cara aos prezos, que ao momento disecaron a miña boca e ánimo. Buf, problemón. O prato ascendía a entre 7-9 euros. Segundo problemón, n’hai menú do día (finde, claro). Boh, paso de arriscar, teño fame e o camareiro recomendoume a súa selección de antojos, unha especie de menú de variedades por 13 euros. Malo será que podendo probar de todo algo non me guste ou non remate farto, aínda que pague máis.

Primeiro erro. O menú de antojos componse duns seis elementos da carta en formato micromachines, e se o panorama xa non sería demasiado alentador por si mesmo, menos cando todo está recuberto por litros -é un falar- de salsa policromática espolvoreada con queixo rallado. O aspecto final, pésimo (experiencia mediante), algo así coma o da paleta dun pintor ao óleo logo de 24 horas pousado nun recinto onde estiveran enxesando o teito. Case prestaba pedir unha culler para atacar aquilo.

A duras penas, sondeando aquí e acolá co garfo e o cuitelo entre as salsas, pois calquera mete a man a iso, logrei ir dando conta dos diferentes antojos, que gustativamente case non puiden discernir aínda que en conxunto sabían ben. En Ferrol paraba bastante no Cantina Lupita, onde si se podía coller coas mans o taco, burrito ou o que fose, e escoller a cantidade de picante, que aquí tampouco… non ten e punto.

En poucos minutos (tan poucos que me avergoncei de que puideran pensar que estaba esfameado), o prato só contén restos desa sopa, que aparto a un lado para pedir un café mexicano, un café só con algunha especia aromática sobre a que non vou especular… o mellor descubrimento sen dúbida da incursión étnica.

O prezo total (Estrela incluída) foi duns 15 euros. Marchei decepcionado e culpando que escollera degustación en lugar de prato. Estame ben por ir de listo. Pararei a coller Doritos e gominolas na gasolineira antes de arrincar para Carnota, e volverei tentalo no capítulo cerdous.

3 Comments to "Restaurante Mexicano Tamarindo (I)"