Bocadillo de calamares en Soria

calendar Maio 8th, 2009

Bocadillo de calamares en Soria

Seino. Deberíao ter pensado no momento. A quen se lle ocorre mercar un bocadillo de ca-la-ma-res en Soria!? Mais daquela pareceume unha boa idea.

Recapitulemos. Viaxo de Logroño a Madrid en bus e paramos dez minutos na estación de autobuses de Soria. Prevendo que na T4 non vou ter tempo de mercar nin comer nada pido na cafetaría un bocadillo de calamares. Podería ter sido de chourizo, queixo, lombo ou calquera outra cousa, mais eu pedín calamares. Erro.

Si, señores e señoras, comín un dos peores bocadillos de calamares que podedes atopar: pan industrial ‘chicloso’ e uns calamares da peor marca de conxelados do Lidl. O mellor de todo debía ser o papel de plata. Tampouco é que souberan mal, mais calquera parecido con calquer outro bocadillo de calamares que probarades con anterioridade era algo máis que unha casualidade.

Espero que isto, como todas as entradas deste bló, lle sirvan a alguén para non caer no mesmo erro.

  • Bocadillo de calamares
  • Prezo: 4’20 €
  • Cafetaría da Estación de Autobuses de Soria
  • Filed in: Sen clasificar

    by: ifrit

    Comentarios desactivados en Bocadillo de calamares en Soria

    O Mesón Galego, Vigo

    calendar Abril 12th, 2009

    Hai un tipo de establecemento típico que cumpre unha dobre funcionalidade. Por unha banda son o sitio onde comen os operarios a diario, con menús do día asequibeis e por outra banda son os sitios nos que os turistas poden probar as especialidades da terra sen sentirse roubado. (Teñen unha terceira función, que é ter cocido e/ou callos para levar unha vez á semana, mais iso non vén agora ó caso).

    O Mesón Galego en Vigo é un destes sitios. Nada de decoración ostentosa, mesas, cadeiras e loza das de toda a vida, a televisión a todo trapo (primeiro disfrutamos de Escenas de matrimonio e logo de El Patriota) e un camareiro pachorrento coma el só (Nicole deulle o título de Camareiro máis lento do ano).

    Menú:

    Media ración de salpicón de marisco. Un clásico. Ben saboroso e xeneroso en cebola.


    Ración de pementos de Padrón e media ración de polbo. Os pementos ben sabemos que non eran de Padrón, que estivemos alí o domingo pasado e non había nin un só, mais estaban ricos e algún ata picaba. O polbo rico rico, no seu punto.


    Media ración de chipiróns. Se están ben feitos non hai nada que dicir.


    Ensalada sinxela. Nicole é adicta a ensalada en todas as súas formas, así que non pode faltar.

    En definitiva, O Mesón Galego é un local cun menú clásico sen nada especial, mais tampouco velenoso. Non especialmente recomendábel por nada, mais que pode estar ben nun momento que necesites cumprir o expediente.

  • Media ración de salpicón de marisco, ensalada, ración de pementos de Padrón, media ración de chipiróns, media ración de polbo, dous ribeiros, unha caña e dous cestos de pan.
  • Prezo: Media ración de salpicón de marisco (4’80€), ensalada (3’60€), ración de pementos de Padrón (4’50), media ración de chipiróns (4’80€), media ración de polbo (5’90€), dous ribeiros (3’00€), unha Estrella Galicia (2’00€) e dous cestos de pan (1’20€) = 29’80 €
  • Bar Restaurante O Mesón Galego, Rúa Laxe, Vigo
  • Filed in: Sen clasificar

    by: ifrit

    1 comentario

    Restaurante Mexicano Tamarindo (II)

    calendar Marzo 11th, 2009

    CAPÍTULO CERDOUS (ver capítulo cerdún)

    Hoxe mesmo ao mediodía decidinme a darlle outra oportunidade ao Restaurante Mexicano Tamarindo da Coruña, aproveitando que o meu compañeiro de traballo, co que adoito xantar, está de viaxe (por se as moscas).

    Primeira sorpresa: de novo o local estaba baleiro. Sento de novo ao libre albedrío, e a camareira tráeme a carta, á que me lanzo desesperado e famento a polo menú do día cal mergullador á procura do tope de navalla. Mais non, debiuse equivocar, o menú do día non aparece. Ao pedirllo á camareira, dime que non, que non teñen.

    Saco do peto ese vello documento da lexislación española sobre locais de restauración que tanto tempo levaba agardando para usar, e que no artigo 2.1 sobre Dereitos e obrigas dun usuario nun local de restauración (epígrafe Das cartas, dos menús e dos seus prezos) di o seguinte:
    

    Os restaurantes clasificados como de luxo e de primeira categoría ofrecerán ao público os menús que consideren pertinentes, no prezo dos cales entenderase incluído o pan e o viño. Non teñen obriga de ofrecer menú do día nin prato combinado do día debido a que ao ser restaurantes dirixidos un público con alto nivel adquisitivo, non lles é precisa a existencia dun prato do día.
    Os restaurantes clasificados como de tres, dous e un garfo teñen a obriga de ofrecer ao público polo menos un menú da casa que se confeccionará polas empresas de acordo coas posibilidades do mercado de cada día e do tipo de cociña que ofrezan. O “menú da casa” e o “prato combinado da casa” (que é a denominación que reciben conforme ao estabelecido pola Orde do 29 de xullo de 1978 sobre modificación de menús e cartas en restaurantes e cafetarías) supoñen que baixo un prezo global vanse incluír un menú e tamén o pan viño e sobremesa.

    Que ironía, aseguraría que o único restaurante de 4 garfos na Coruña é o Trueiro, no Meliá María Pita. En fin, burritos, dame un burrito, señora, que aprendín dunha para outra e iso non pode fallar, era o que pedía sempre na Cantina Lupita ferrolana con extra de picante, eu ben sei. Aínda que 8,40€…

    -Cantas unidades son?-.
    -Dos, pero después puedes pedir otra cosa si quieres…-.
    (Por 8€ e pico? nin despois de 20 Estrelas coma esta…) Ok, ok, sublime, burritos logo-. Iso ten que dar para dous, pensei mentres idealizaba dous rechonchos roliños repletos de cousas alimenticias ao estilo kebab, e o meu estómago bulía xa cal oula de espagueti a punto.

    Uns dez minutos despois, vexo saír a camareira cun prato na man, supuxen que para min, e l’horreur. Non podía ser. Os burritos viñan desenvoltos, coa torta de millo aberta e cun mejunje similar ao descrito en capítulo cerdún, sendo a torta pouco máis grande ca un cinceiro mediano e o contido ocupando o centro do círculo. Despois dun intre de incredulidade, comecei a esbracexar coma o guiri que non sabe como agarrar a nécora no prato nin tampouco que está morta. Non sabía que facer, se tratar de enrolalo eu mesmo ou meterlle o garfo ao contido e usar as tortas de gardanapos. Mal, moi mal, isto xa non cola, na Cantina Lupita non eran así, e alí tiñan acento mexicano, vós tedes acento de Soria coma moito, non me foda señora.

    Como puiden, tras un frustrado intento por enrolar o chisme, optei pola vía rápida, unir os extremos da torta coma quen dobra un folio á metade, tentando sequera outorgarlle a mínima resistencia ao paquete para poder morder sen ciscar todo pola mesa. Ñam, ñam e ñam. Literalmente, tres bocados. Un burrito menos. Ñam, ñam e ñam de novo. Rematei de xantar. De feito, dubido que legalmente poida denominarse xantar. Vin pinchos de tortilla máis pantagruélicos. E o peor de todo foi pensar que nin tres pedidos máis iguais ca ese me saciarían. Morto de vergonza ao igual que tras a primeira visita, fixen tempo bebendo a cervexa a grolos curtos, revisando unha outra vez o móbil sen que este me achegara ningunha coartada para entreterme, todo para poder levantarme da mesa como mínimo entre 4 e 8 minutos despois de que o prato cerámico tocara a madeira do Tamarindo, mais a pilla da camareira decatouse -ben o tiña- de que rematara e achegouse a sondear.

    -¿Quieres algo más?-.
    -Non grazas, estou ben… (ben fodido!) ponme un café mexicano, tráeme un cinceiro (a ver quen engana agora este volcán de bandullo) e cóbrame-.

    Burrito ración”, 8,40€. Estrela Galiza, 1,90€. Café Mexicano (FTW), 1,70€. Bocata de lomo con queixo que pillei nunha cafeta ao marchar, 3€. Total: 15€, ao final non me foi tan mal.

    Veredicto final, pois non penso volver a tentalo:

    PROS
    -A comida sabe ben (unha vez que a atopas).
    -O café mexicano é do melloriño (en relación sabor bo/cantidade 10 cl./prezo 1,70€).
    -Pódese fumar (para enganar ao estómago entre a decepción e a bocatería da esquina).
    -O local é moi íntimo (das dúas veces estiven eu só).

    CONTRAS
    -Pasas verdadeira fame.
    -A carta é máis que enganosa.
    -Non ten menú do día, coma o Restaurante Trueiro do Meliá María Pita.
    -Por ese prezo ben podían aliñar con caviar beluga.

    Deixémolo así, equilibradiño. 😉

    Nota: O feito de estar eu só con ocasión das dúas visitas cortoume bastante o rollo á hora de tirarlle fotos aos “pratos”, dade grazas á miña timidez.

    Filed in: Sen clasificar

    by: maceirax

    2 Comments

    Restaurante Mexicano Tamarindo (I)

    calendar Marzo 10th, 2009

    Sinto muito ter que facer isto, e moito máis que esta sexa a miña primeira colaboración con Capítulo Cerdo 🙁

    CAPÍTULO CERDÚN

    Teño por costume, cando coinciden o feito de estar eu só e ter tempo, parar a xantar nalgún dos restaurantes exóticos da cidade onde me aloxe. O motivo, descubrir posíbeis xoias da gastronomía mundial entre tanta franquicia e, por suposto, non fracasar estrepitosamente no caso de levar a algunha mociña ao restaurante superespecial de turno sen antes coñecelo eu.

    Así dei nas páxinas amarelas co Restaurante Tamarindo, un mexicano coruñés situado na rúa Eduardo Pondal, na primeira transversal saíndo desde a Praza de Portugal bordeando Riazor.

    Primeira cuestión, chungo aparcar na zona, adoita estar petado. Logo dunhas complexas xestións automobilísticas que me levaron acabar nunha das traveseiras de Juan Flórez, entro no sitio, que me sorprende pola súa decoración, nin traza de franquicia. Ben.

    O local está baleiro. Debe ser que é sábado á 13:00h, a xente saiu onte e tal… debería dar grazas por que estes abriran, pensei.  Sento onde me peta atendendo a ordes da casa e tráenme a carta.

    Máis ou menos o agardado: Mil cousas con frijoles, chiles, guacamole, jalapeños… burritos, nachos, tacos, quesadillas… facíaseme a boca auga ata que oscilei a vista cara aos prezos, que ao momento disecaron a miña boca e ánimo. Buf, problemón. O prato ascendía a entre 7-9 euros. Segundo problemón, n’hai menú do día (finde, claro). Boh, paso de arriscar, teño fame e o camareiro recomendoume a súa selección de antojos, unha especie de menú de variedades por 13 euros. Malo será que podendo probar de todo algo non me guste ou non remate farto, aínda que pague máis.

    Primeiro erro. O menú de antojos componse duns seis elementos da carta en formato micromachines, e se o panorama xa non sería demasiado alentador por si mesmo, menos cando todo está recuberto por litros -é un falar- de salsa policromática espolvoreada con queixo rallado. O aspecto final, pésimo (experiencia mediante), algo así coma o da paleta dun pintor ao óleo logo de 24 horas pousado nun recinto onde estiveran enxesando o teito. Case prestaba pedir unha culler para atacar aquilo.

    A duras penas, sondeando aquí e acolá co garfo e o cuitelo entre as salsas, pois calquera mete a man a iso, logrei ir dando conta dos diferentes antojos, que gustativamente case non puiden discernir aínda que en conxunto sabían ben. En Ferrol paraba bastante no Cantina Lupita, onde si se podía coller coas mans o taco, burrito ou o que fose, e escoller a cantidade de picante, que aquí tampouco… non ten e punto.

    En poucos minutos (tan poucos que me avergoncei de que puideran pensar que estaba esfameado), o prato só contén restos desa sopa, que aparto a un lado para pedir un café mexicano, un café só con algunha especia aromática sobre a que non vou especular… o mellor descubrimento sen dúbida da incursión étnica.

    O prezo total (Estrela incluída) foi duns 15 euros. Marchei decepcionado e culpando que escollera degustación en lugar de prato. Estame ben por ir de listo. Pararei a coller Doritos e gominolas na gasolineira antes de arrincar para Carnota, e volverei tentalo no capítulo cerdous.

    Filed in: Sen clasificar

    by: maceirax

    3 Comments

    Hamburguesa especial Luces

    calendar Xaneiro 21st, 2009

    O outro día fun ó concerto de Calexico a Vigo (conciertazo!) e como non sabía o que me agardaba ó chegar a Santiago decidín buscar un sitio pola cidade olívica onde meterlle algo ó corpo.

    O único que atopei aberto (mira que é difícil atopar algo para comer en Vigo máis alá das 11!) foi unha cafetería preto do aparcadoiro onde deixara o coche. É unha destas grandes cafeterías ‘de toda la vida’ de Vigo, que tamén é restaurante e café-concerto (de feito estaban montando toda parafernalia para o espectáculo), Luces de Bohemia.

    Como xa dixen non sabía o que me agardaba en Santiago así que pedín o máis grande que tiñan, a hamburguesa especial Luces, unha hamburguesa con leituga, tomate, panceta, xamón de York e queixo. Moi especial non era. Tampouco era especialmente grande. Sabor aceptábel, inda que recomendo non botarlle maionesa, que a que teñen alí sabíame un pouco rara (non, non tiña salmonelose)

    Sen dúbida non é un lugar para ir tomar hamburguesas, mais cumpre para unha emerxencia.

  • Hamburguesa especial Luces e auga:
  • Prezo: hamburguesa (4’50) + auga (1’70) = 6’20 ouros
  • Cafétería – Restaurante Luces de Bohemia, Rúa Colón, Vigo
  • Filed in: Sen clasificar

    by: ifrit

    2 Comments

    Prato combinado nº 1

    calendar Xaneiro 21st, 2009

    Un grande templo da fritanga en Santiago é El Galeón, que gracias ó seu éxito dende fai un par de anos ten un novo restaurante nos Cantóns do Toural. El Galeón, para o que non o saiban, é un restaurante de ambientación náutica onde podes comer todo tipo de prato combinado, bocadillo, sandwich, hamburguesa… O que sexa. E todo a bo prezo. Ademáis teñen zona de fumadores e non fumadores.

    O día do meu cumpreanos tiven que traballar pola tarde e comer fóra e só, así que elexín El Galeón para a miña solitaria festa de cumpreanos.
    Esa monstrosidade que vedes na foto é o Prato combinado nº1 que consta de arroz, unha salchicha, croquetas, dous ovos fritidos e un zanco de polo.
    Que queredes que vos diga, a cousa deixaba bastante que desexar. Parecíase bastante ás comidas do colexio ou dos campamentos de verán. O arroz estaba insípido, a salchicha era da peor calidade, as croquetas conxeladas e todo fariña, é difícil facer mal uns ovos fritidos e o zanco de polo era todo pel e graxa. Non me prestou moito.
    Para regar todo isto, unha caña.
    E de postre, xa que era o meu aniversario persoal coa miña propia persoa, pedín a Copa da Amante do Capitán. Unha boa idea feita con malos materiais. Agora non recordo ben, mais penso que leva tona, chiculate quente, xeado de fresa e noces.

    Teño bos recordos do Galeón orixinal, en Alfredo Brañas, mais as veces que fun a este quedei farto mais non gustei demasiado. Haberá que volver intentalo?

  • Prato combinado nº 1, caña e Copa da Amante do Capitán
  • Prezo: 11’50 ouros (aprox.) [a copa é o que sube]
  • El Galeón do Toural, Cantóns do Toural, Santiago de Compostela
  • Filed in: Sen clasificar

    by: ifrit

    3 Comments

    Pizza a taglio

    calendar Decembro 6th, 2008

    De paseo por Roma, os xantares rápidos dos autóctonos son a base de Pizza a Taglio ou, como se diria aquí, pizza ao corte. Tanto en fornos (tipo panadaria daquí) como en algúns restaurantes fan unhas pizzas rectangulares de como un metro de longo por corenta centímetros de largo que venden por porcións ao peso e comes pola rua. Ao final, e tendo en conta que dependendo do tipo de pizza ten un prezo diferente, a porción sae a menos de dous euros (non teño prezos exactos porque iamos oito persoas e mercamos ao mogollón).

    Pizza a Taglio

    Eu probei dúas. A primeira unha pizza simple de salsa de tomate e queixo, nun forno Piazza do Campo di Fiore. Teño debilidade polas pizzas, e soubo-me estupenda. A grande diferenza coas que podes tomar por estes lares penso que está na salsa e na masa (que venden tamén sen máis ingredientes, pizza bianca lle chaman).

    Forno de Campo di Fiore

    A segunda foi unha pizza picante con salsa, queixo, tomate natural e herbas várias, nun restaurante chamado Pizza House na Via della Mercede, ao lado da Piazza de Spagna (onde creo que vive o Pacu Vázquez). A pesar de que o pizzero dicia que era piccolo, piccolo picante!, na boca queimaba a cristo. A pesar diso estaba moi boa tamén.

    Pizza House

    Hai moitas outras variedades en todos os fornos, de verduras, de cogomelos, a xa mencionada pizza bianca que é moi típica, e un longo etcétera que depende do local ao que vaias e o momento no que chegues, xa que estás a expensas do que van quitando do forno. Moi rico todo, en verdade.

    O que queda claro é que é máis barato comer que tomar un café (os capuccinos non baixan de 3 €, e xa é complicado atopa-los a ese prezo)

    Filed in: Sen clasificar

    by: chimpin

    Comentarios desactivados en Pizza a taglio

    Tallaríns con carne e salsa picante

    calendar Outubro 11th, 2008

    Andiven aí atrás por Barcelona e, á parte de encherme a tapas (lea-se teipas), tiven a oportunidade de probar comida de Indonésia?, cousa que por estes lares é máis complicado (digo Indonésia porque os traballadores do local tiñan pinta de ser da zona).

    Wok to Walk é unha cadea de comida rápida que comezou cun local en Amsterdam no 2004 e agora ten moitos máis. O sistema que teñen para os pedidos é moi sinxelo.

    Carta do wok to walk

    Como se pode ver na carta (en Barcelona non son eses prezos), escolles unha base (tallaríns, fideos de arroz ou arroz, todos con verduras e ovo) engades un ou máis acompañantes (terneira, gambas, polo, etc) e unha salsa. Fan-o alí diante tua e leva-lo para comer onde queiras, ainda que neste local en concreto tiñan un par de mesas.

    Presentación

    A miña elección foi de tallariíns con terneira e salsa picante. E tiven o pequeno fallo de pedir a salsa picante, xa que agora non vos podo contar a que sabia. Son bastante tolerante aos sabores picantes, e só unha vez, estando nun restaurante en Lisboa que rexentaba un home de Serra Leona, probei algo similar. Ao primeiro bocado quedei sen sentido do gusto. Si podo dicir que as verduras estaban duras (eu adoito coce-las ou escalda-las antes do salteado) e os tallaríns aldente. A carne tiña pinta de estar boa, e era carne-carne, non tiña pinta de ser un sucedáneo. Dicir que o acabei todo por orgullo e que o meu estómago estivo un pouco protestón ao dia seguinte.

    Tallar�ns con carne

    E dicir tamén que probei uns tallaríns con polo, gambas e teriyaki, e este si que sabia (e ben).

    • Tallaríns con carne de terneira e salsa picante
    • Prezo (aprox, o tique perdeu a tinta cando cheguei á casa, o total dos dous menús foi de 13,80 €) : 6,90 €
    • Wok to Walk, Carrer de Jaume I nº 7, Barcelona.

    Filed in: Sen clasificar

    by: chimpin

    Comentarios desactivados en Tallaríns con carne e salsa picante

    Cachelo com caril de polo

    calendar Setembro 1st, 2008

    Apesar da péssima reputaçom da culinária inglesa, o Michelin Guide Great Britain & Ireland 2008 recomenda nada menos que quarenta e cinco restaurantes em Londres, distinguido-os com as suas prestigiosas estrelas. Mas no Capítulo Cerdo nom os vou aborrecer falando-lhes do Gordon Ramsay, o único restaurante londinense com três estrelas Michelin e considerado um dos melhores do mundo. Aqui, ao nosso:

    Jacket potato

    No Ponti’s do mercado de Covent Garden comim esta jacket potato with chicken curry, nome que me permito agalegar como cachelo com caril de polo, ainda sendo consciente de que a traduçom é traiçoeira, pois o cachelo é umha pataca cozida com a tona e a jacket potato é umha pataca assada com a tona. A receita tradicional inglesa consiste em assar a pataca (duas horas no forno ou quarenta e cinco minutos no micro-ondas), cortá-la pola metade e untar-lhe manteiga ou um molho denominado coleslow, que é umha mistura de couve ou repolo, cenoura, cebola e maionesa. Também podem ser servidas cobertas de queijo e cebola fritida.

    Como o Ponti’s é um estabelecemento teoricamente italiano, a guarniçom tradicional do cachelo substitui-se por bolognese e outros molhos para massa, mas eu optei por um chicken curry por me semelhar mais consistente. O resultado foi o previsível: o caril saboriza o frango até neutralizar por completo o gosto da carne e acai bem ao tubérculo, que é umha pataca bem farinhenta, inglesa ou irlandesa. Com as boas patacas que temos na Galiza, é mágoa que os nossos restaurantes de comida rápida nom copiem esta fórmula, de grande sucesso nessa meca da gastronomia que é o Reino Unido.

    Mercado de Covent Garden

    Umha das maiores satisfacçons de comer este cachelo foi o cenário: o mercado de Covent Garden (foto: dbaron, CC), inaugurado em 1830 para acolher o principal mercado de fruta e verdura da cidade. O edifício foi salvado da voracidade dos especuladores imobiliários graças à pressom dos vizinhos e converteu-se hoje num polo de atracçom para as artes, o comércio e o teatro.

    Filed in: Sen clasificar

    by: francovicetto

    2 Comments

    Le Big Mac

    calendar Agosto 30th, 2008

    Sendo a que é a temática do blog, alguén tiña que face-lo. E fun eu. Fun a un McDonald’s e tomei un Big Mac, ou LE Big Mac, como din en Amsterdam (ou iso contaba Vincent Vega). Pedin un Menú Big Mac no McDonald’s de Área Central (Compostela), menú que consta dunha Hamburguesa dobre con queixo, leituga, cebola, cogombros e unha salsa especial; unhas patacas fritidas e bebida ao gusto. Acompañei todo cunha hamburguesa de a euro, que visto o tamaño do produto testado, ia vir ben para encher ocos.

    Menu Big Mac

    E que tal foi a cousa? Pois… o pan parece chicle, a carne é completamente insípida, e o que é o conxunto sabe á salsa especial, que debe ser algo entre mostaza e maionesa. Das patacas pouco que dicir, son patacas conxeladas como as que calquera pode comer en centos de sítios.

    Big Mac

    Outra cousa é a hamburguesa de Euro. A foto di-o todo, creo, ainda que de calidade non moi boa, xa que están feitas co teléfono. Un último apunte: que nun local de comer coas mans non haxa aseos… mal. (Edito: si que hai)

    Hamburguesa de a euro

    • Menú Big Mac, composto de hamburguesa Big Mac grande, patacas e bebida
    • Prezo: 5,90 €
    • McDonald’s de Área Central, Praza de Europa, Compostela

    Filed in: Sen clasificar

    by: chimpin

    5 Comments