Un grande templo da fritanga en Santiago é El Galeón, que gracias ó seu éxito dende fai un par de anos ten un novo restaurante nos Cantóns do Toural. El Galeón, para o que non o saiban, é un restaurante de ambientación náutica onde podes comer todo tipo de prato combinado, bocadillo, sandwich, hamburguesa… O que sexa. E todo a bo prezo. Ademáis teñen zona de fumadores e non fumadores.

O día do meu cumpreanos tiven que traballar pola tarde e comer fóra e só, así que elexín El Galeón para a miña solitaria festa de cumpreanos.
Esa monstrosidade que vedes na foto é o Prato combinado nº1 que consta de arroz, unha salchicha, croquetas, dous ovos fritidos e un zanco de polo.
Que queredes que vos diga, a cousa deixaba bastante que desexar. Parecíase bastante ás comidas do colexio ou dos campamentos de verán. O arroz estaba insípido, a salchicha era da peor calidade, as croquetas conxeladas e todo fariña, é difícil facer mal uns ovos fritidos e o zanco de polo era todo pel e graxa. Non me prestou moito.
Para regar todo isto, unha caña.
E de postre, xa que era o meu aniversario persoal coa miña propia persoa, pedín a Copa da Amante do Capitán. Unha boa idea feita con malos materiais. Agora non recordo ben, mais penso que leva tona, chiculate quente, xeado de fresa e noces.

Teño bos recordos do Galeón orixinal, en Alfredo Brañas, mais as veces que fun a este quedei farto mais non gustei demasiado. Haberá que volver intentalo?

  • Prato combinado nº 1, caña e Copa da Amante do Capitán
  • Prezo: 11’50 ouros (aprox.) [a copa é o que sube]
  • El Galeón do Toural, Cantóns do Toural, Santiago de Compostela