Hai un tipo de establecemento típico que cumpre unha dobre funcionalidade. Por unha banda son o sitio onde comen os operarios a diario, con menús do día asequibeis e por outra banda son os sitios nos que os turistas poden probar as especialidades da terra sen sentirse roubado. (Teñen unha terceira función, que é ter cocido e/ou callos para levar unha vez á semana, mais iso non vén agora ó caso).

O Mesón Galego en Vigo é un destes sitios. Nada de decoración ostentosa, mesas, cadeiras e loza das de toda a vida, a televisión a todo trapo (primeiro disfrutamos de Escenas de matrimonio e logo de El Patriota) e un camareiro pachorrento coma el só (Nicole deulle o título de Camareiro máis lento do ano).

Menú:

Media ración de salpicón de marisco. Un clásico. Ben saboroso e xeneroso en cebola.


Ración de pementos de Padrón e media ración de polbo. Os pementos ben sabemos que non eran de Padrón, que estivemos alí o domingo pasado e non había nin un só, mais estaban ricos e algún ata picaba. O polbo rico rico, no seu punto.


Media ración de chipiróns. Se están ben feitos non hai nada que dicir.


Ensalada sinxela. Nicole é adicta a ensalada en todas as súas formas, así que non pode faltar.

En definitiva, O Mesón Galego é un local cun menú clásico sen nada especial, mais tampouco velenoso. Non especialmente recomendábel por nada, mais que pode estar ben nun momento que necesites cumprir o expediente.

  • Media ración de salpicón de marisco, ensalada, ración de pementos de Padrón, media ración de chipiróns, media ración de polbo, dous ribeiros, unha caña e dous cestos de pan.
  • Prezo: Media ración de salpicón de marisco (4’80€), ensalada (3’60€), ración de pementos de Padrón (4’50), media ración de chipiróns (4’80€), media ración de polbo (5’90€), dous ribeiros (3’00€), unha Estrella Galicia (2’00€) e dous cestos de pan (1’20€) = 29’80 €
  • Bar Restaurante O Mesón Galego, Rúa Laxe, Vigo